En xenética, un clon (grego κλώνος klōn, ‘fillo’) é un conxunto de seres xeneticamente idénticos que descenden dun mesmo individuo por mecanismos de reprodución asexual. O termo foi creado en 1903 por H. J. Webber coa explícita intención de contribuír ao desenvolvemento léxico da entón nova ciencia da xenética, e ese uso é o único válido na linguaxe científica. Respondía á necesidade de referirse a unha variedade de cultivo multiplicada exclusivamente de maneira vexetativa (mediante esgallos ou estacas), como era e é común respecto das árbores froiteiras. Os individuos xerados así son xeneticamente idénticos, o mesmo que os que se obteñen por partenoxénese ou mesmo por mecanismos sexuais de reprodución cando a homocigose é completa e a recombinación xenética imposible. Pode chamarse reprodución clonal á reprodución asexual, aínda que non é un uso moi estendido.
Nos últimos decenios foi crecendo outra acepción, popularizada pola prensa e o cine, de acordo coa cal un clon é un individuo idéntico a outro obtido por técnicas xenéticas máis ou menos imaxinarias. Os clons así definidos non existen, na medida en que o fenotipo non depende só do xenotipo, senón de mecanismos epigenéticos e de desenvolvemento nos que interveñen outros factores. Este uso actual do termo clon pode rastrexarse até o libro O shock do futuro (1970) do influente xornalista e activista estadounidense Alvin Toffler.
Na natureza a reprodución asexual ou clonal é moi frecuente, especialmente entre organismos unicelulares, como bacterias e moitos protistas, aínda que case sempre alternando con fases de reprodución sexual (ou parasexual), que aumentan a diversidade xenotípica da poboación.