Codia continental

Codia continental e oceánica sobre o manto superior da Terra. O límite entre a codia e o manto é a descontinuidade de Mohorovičić.

A codia continental é a capa de rochas ígneas, metamórficas e sedimentarias que forman os continentes xeolóxicos e as áreas de fondo oceánico pouco profundas das súas costas chamadas plataformas continentais. Esta capa antes chamábase sial porque a súa composición global é principalmente rica en silicatos de aluminio, formados por silicio e aluminio (Si-Al) e ten unha densidade máis baixa comparada coa codia oceánica,[1][2] chamada sima, que é máis rica en silicatos de magnesio (Si-Mg, si-ma). Os cambios na velocidade das ondas sísmicas mostran que en moitas zonas a certa profundidade (a descontinuidade de Conrad), hai un contraste bastante marcado entre a codia continental superior, máis félsica, e a codia continental inferior, de carácter máis máfico.[3]

A maior parte da codia continental é terra situada por riba do nivel do mar, pero as plataformas continentais poden ser ás veces moi extensas. Un bo exemplo é que o 94% da rexión de codia continental de Zelandia está submerxida baixo o océano Pacífico,[4] mentres que as illas de Nova Zelandia constitúen o 93% da porción que está sobre o nivel do mar (só o 6% da rexión total).

A idade dos materiais da codia continental é moito máis antiga (miles de millóns de anos en moitos casos) que os da codia oceánica (centos de millóns de anos), xa que a codia oceánica antiga destrúese nas zonas de subdución.

  1. Fairbridge, Rhodes W., ed. (1967). The Encyclopedia of Atmospheric Sciences and Astrogeology. New York: Reinhold Publishing. p. 323. OCLC 430153. 
  2. Davis, George H.; Reynolds, Stephen J.; Kluth, Charles F. (2012). "Nature of Structural Geology". Structural Geology of Rocks and Regions (3rd ed.). John Wiley & Sons. p. 18. ISBN 978-0-471-15231-6. 
  3. McGuire, Thomas (2005). "Earthquakes and Earth’s Interior". Earth Science: The Physical Setting. AMSCO School Publications Inc. pp. 182–184. ISBN 978-0-87720-196-0. 
  4. Mortimer, Nick; Campbell, Hamish J. (2017). "Zealandia: Earth's Hidden Continent". GSA Today 27: 27–35. doi:10.1130/GSATG321A.1. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro 2017. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne