O comercio é a actividade socioeconómica consistente na compravenda de bens, sexa para o seu uso, para a súa venda ou para a súa transformación, implica a transferencia de bens e servizos dunha persoa ou entidade a outra, a miúdo a cambio de diñeiro.[1] Os economistas refírense o sistema ou rede que permite o comercio como un mercado.
Unha das primeiras formas de comercio, a economía do agasallo, contemplaba o intercambio de bens e servizos sen un acordo explícito para recompensas inmediatas ou futuras. Unha economía do agasallo implica intercambiar cousas sen o uso de diñeiro. Os comerciantes modernos xeralmente negocian a través dun medio de intercambio, como o diñeiro. Como resultado, comprar pode separarse de vender ou gañar. A invención do diñeiro (o crédito, o papel moeda e o diñeiro non físico) simplificou e promoveu enormemente o comercio. O comercio entre dous comerciantes denomínase comercio bilateral, mentres que o comercio que involucra a máis de dous comerciantes denomínase comercio multilateral.
Desde un punto de vista moderno, o comercio existe debido á especialización e a división do traballo, unha forma predominante da actividade económica na que os individuos ou os grupos cooperativos concéntranse nun pequeno aspecto da produción, pero utilizan a súa produción no comercio doutros produtos e necesidades.[2] O comercio existe entre rexións porque as diferentes rexións poden ter unha vantaxe comparativa (percibida ou real) na produción dalgunhas mercancías comerciables, incluída a produción de recursos naturais escasos ou limitados noutros lugares. Por exemplo: os tamaños de rexións diferentes poden fomentar a produción en masa. En tales circunstancias, o comercio a prezo de mercados entre localizacións pode beneficiar a ambas localidades.
O comercio polo miúdo consiste na venda de bens ou mercadorías desde un lugar fixo[3] (como os grandes almacéns, boutiques ou quioscos), en liña ou por correo , en lotes pequenos ou individuais para o consumo ou uso directo do comprador.[4] O comercio por xunto é o tráfico de bens que se venden como mercadorías a comerciantes polo miúdo, ou a usuarios industriais, comerciais, institucionais, negocios profesionais, ou a outros almacenistas e servizos subordinados relacionados.
Historicamente, a apertura ao libre comercio aumentou substancialmente nalgunhas áreas desde 1815 ata o estalido da primeira guerra mundial en 1914. A apertura comercial aumentou novamente durante a década de 1920, pero colapsou (en particular en Europa e América do Norte) durante a Gran Depresión da década de 1930. A apertura comercial volveu aumentar substancialmente a partir da década de 1950 (aínda que cunha desaceleración durante a crise do petróleo da década de 1970). Os economistas e historiadores económicos sosteñen que os niveis actuais de apertura comercial son os máis altos que xamais existiron.[5][6][7]
O comerciante é a persoa física ou xurídica que se dedica ao comercio en forma habitual, como as sociedades mercantiles.
Analizanse cinco tipos de venda polo miúdo sen tendas: venda ambulante, venda directa, pedidos por correo, operadores de máquinas de comercialización automática e compras electrónicas..