Unha conferencia de prensa,[1] tamén chamada roda de prensa,[2] é un acto de índole informativa planificado ben sexa por unha persoa, unha institución ou unha organización, ao que están convidados os medios de comunicación para que dean información do que alí ocorra.
A orixe da práctica da conferencia de prensa ocorreu nos Estados Unidos no ano 1913.[3] O presidente Woodrow Wilson deu lugar a 57 encontros entre ese ano e 1916. Porén, algúns autores indican que optou por unha política de contar o menos posíbel en tales rodas de prensa.[4]
As conferencias de prensa adoitan estar organizadas por institucións, partidos políticos, sindicatos e grupos empresariais, que son os que teñen maior poder para convocalas. Tamén teñen potestade para convocalas todos aqueles grupos ou movementos sociais que pretendan dar a coñecer á opinión pública algún tema. Utilizan este método así mesmo as entidades organizativas e promotoras de distintas actividades para faceren chegar os seus programas aos cidadáns e as personalidades recoñecidas (futbolistas, cantantes, actores).
A roda de prensa aquire este nome dado que a palabra roda procede da latina rota. Dentro das súas diferentes acepcións, a que máis se adecúa é a de "círculo ou reunión de individuos", xunto co concepto de prensa, o cal se refire ao "conxunto de xornalistas ou publicacións".[5]
Ademais do poder de difusión co que contan as rodas de prensa e a heteroxeneidade dos entrevistadores, a roda de prensa supón unha situación de asimetría entre entrevistador e entrevistado. O suxeito que responde ten a obriga de facelo co fin de non provocar un contexto de violencia.[6] Os medios de comunicación non acuden indiscriminadamente a todas as convocatorias senón que seleccionan as que consideran máis interesantes ou importantes.
As expresións roda de prensa e conferencia de prensa adoitan considerarse sinónimas, pero non hai que confundir esta última co discurso ou charla. A conferencia de prensa está relacionada cunha dinámica de comunicación unidireccional. Nela predomina a disertación. A roda de prensa tamén se trata dunha reunión con xornalistas para informarlos, pero cunha quenda de preguntas posterior. Nela sempre existe un diálogo.[7]