Crocodilinos Rango fósil: Eoceno – Holoceno (desde hai 55 millóns de anos) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Crocodilo do Nilo (Crocodylus niloticus)
| |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||
Crocodylus niloticus Laurenti, 1768 | |||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||
|
Os crocodilinos (Crocodylinae) son unha subfamilia de réptiles acuáticos crocodilianos na que están incluídos as especies de crocodilos actuais e algunhas fósiles, os cales viven en zonas tropicais de África, Asia, Australia e América. É unha das dúas subfamilias nas que se pode dividir a familia Crocodylidae; a outra subfamilia é †Mekosuchinae, que só ten representantes fósiles (ás veces distínguese unha terceira subfamilia, Tomistominae, onde está incluído o falso gavial, pero actualmente as análises xenéticas aconsellan incluílo na familia Gavialidae). Os "verdadeiros" crocodilos son os que pertencen a esta subfamilia, pero, de todos modos, o termo crocodilo pode usarse en senso amplo e máis impreciso para designar a todos os crocodilianos. A familia inclúe o gran xénero Crocodylus e os xéneros máis pequenos en número de especies Osteolaemus e Mecistops (este último separado recentemente de Crocodylus), xunto con algúns xéneros fósiles.
O tamaño, morfoloxía, comportamento e ecoloxía dos crocodilinos difiren entre as especies, pero teñen tamén moitas similitudes. Todos son tetrápodos semiacuáticos e tenden a congregarse en hábitats de auga doce como ríos, lagos e zonas húmidas, ás veces en augas salobres ou salgadas, aínda que o mellor adaptado ás augas salgadas é a especie Crocodylus porosus. Son animais carnívoros que se alimentan principalmente de vertebrados como peixes, réptiles, aves e mamíferos, e ás veces de invertebrados como moluscos e crustáceos, dependendo da especie e idade. Todos os crocodilinos son tropicais e, a diferenza dos aligátores, son moi sensibles ao frío. Separáronse dos outros crocodilianos no Eoceno, hai uns 55 millóns de anos.[1] Moitas especies están en risco de extinción, e algunhas foron clasificadas como en perigo crítico.