Curculionoideos

Os curculiónidos (Curculionoidea) son unha superfamilia de escaravellos á que pertencen os gurgullos, coñecidos polos seus morros alongados. Son xeralmente pequenos, de menos de 6 mm de lonxitude e herbívoros. Coñécense aproximadamente 97 000 especies destes animais. Pertencen a varias familias, a máis numerosa das cales é Curculionidae (os verdadeiros gurgullos). Tamén inclúe aos Scolytinae, que son morfoloxicamente distintos doutros gurgullos porque carecen do seu distintivo morro longo e son unha subfamilia dentro de Curculionidae.

Moitos gurgullos son considerados pragas debido á súa capacidade de danar ou matar as colleitas. Sitophilus granarius dana os grans de trigo almacenados, como tamén o fai Sitophilus zeamais entre outros. Anthonomus grandis ataca as colleitas de algodón; pon os seus ovos dentro das bólas de algodón das que despois sae abríndose paso coméndoas. Outros gurgullos utilízanse para o control biolóxico de plantas invasoras.

O rostro (morro alongado) dun gorgullo, contén as pezas bucais mastigadoras en lugar de pezas perforadoras como os das probóscides doutros insectos. As pezas bucais adoitan utilizalas para escavar túneles nos grans.[1] En gurgullos máis especializados, o rostro ten unha fenda na que o animal pode pregar o primeiro segmento das súas antenas.

A maioría dos gurgullos teñen a habilidade de voar (incluíndo especies que son pragas como o gurgulo do arroz Sitophilus oryzae[2][3]), aínda que un número significativo deles non son voadores, como os do xénero Otiorhynchus.

Unha especie de gurgullo, Austroplatypus incompertus, presenta eusocialidade, e é un dos poucos insectos que non é himenóptero nin isóptero nos que isto se observa.

  1. Moon, Myung-Jin (2015). "Microstructure of mandibulate mouthparts in the greater rice weevil, Sitophilus zeamais (Coleoptera: Curculionidae)". Entomological Research (en inglés) 45 (1): 9–15. ISSN 1748-5967. doi:10.1111/1748-5967.12086. 
  2. "What Is a Weevil and How Did That Bug Get in My Food?". 
  3. "Weevils on Stored Grain (Department of Entomology)". Department of Entomology (Penn State University). 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne