Cyril Ramaphosa, nado en Soweto o 17 de novembro de 1952, é un político, empresario e activista sindical surafricano, que é o presidente de Suráfrica desde 2018. Foi presidente adxunto durante a presidencia de Jacob Zuma.
Empresario de éxito, e hábil negociador, posuía un patrimonio valorado en 450 millóns de dólares, en 2018.[1] Ten 31 propiedades e é o dono da franquía McDonald's Suráfrica. Pertence á etnia venda.[2]
Foi elixido presidente do Congreso Nacional Africano (ANC) no Congreso do partido realizado en Nasrec, ao sur de Xohanesburgo, en decembro de 2017. É tamén o presidente da Comisión de Planificación Nacional, a cal é responsable da planificación estratéxica do futuro de Suráfrica, co obxectivo de reunir a nación «ao redor dun conxunto común de obxectivos e prioridades para impulsar o desenvolvemento a longo prazo».[3][4]
Ramaphosa foi o principal negociador do And durante a transición á democracia en Suráfrica.[5] Ramaphosa creou o maior e máis poderoso sindicato do país, o Sindicato Nacional de Mineiros (NUM).[6] Desempeñou un papel crucial, xunto con Roelf Meyer, do Partido Nacional, durante as negociacións para lograr o fin pacífico do apartheid e dirixir o país cara ás súas primeiras eleccións plenamente democráticas en abril de 1994,[7] cuxo desenlace foi a elección de Nelson Mandela como presidente do país.[8] A partir de 1997, Ramaphosa deuse a coñecer como empresario, entre outras cousas como propietario de McDonald's South Africa, presidente do consello de administración de MTN e membro do consello de administración de Lonmin.
Foi criticado pola conduta dos seus intereses empresariais, incluíndo a súa dura postura -como director de Lonmin- cara á folga dos mineiros de Marikana na semana previa ao masacre de Marikana.
O 10 de febreiro de 2020, Cyril Ramaphosa asumiu a presidencia da Unión Africana, sucedendo a Abdul Fata al-Sisi.