de Havilland Comet | |
---|---|
![]() | |
Tipo | pasaxeiros |
Fabricante | de Havilland |
Primeiro voo | 27 de xullo de 1949 |
Introducido | 2 de maio de 1952 |
Retirado | 14 de marzo de 1997 |
Estado | retirado |
Principais usuarios | BOAC British European Airways Dan-Air Royal Air Force |
Unidades construídas | 114 |
Variantes | Hawker Siddeley Nimrod |
O de Havilland DH 106 Comet foi o primeiro reactor comercial de pasaxeiros do mundo en ser producido. Desenvolvido e fabricado por de Havilland na súa sede de Hatfield, Hertfordshire, no Reino Unido, realizou o seu primeiro voo en 1949 e foi un fito no deseño aeronáutico. Conta cunhas liñas aerodinámicas extremadamente limpas, cos seus catro motores turborreactores de Havilland Ghost encerrados nas ás, unha cabina presurizada bastante silenciosa, e grandes fiestras cadradas. Para a época era un deseño extremadamente cómodo para os pasaxeiros e mostrou sinais de ser un grande éxito no seu primeiro ano despois do lanzamento.
Porén, poucos anos despois de entrar en servizo, as fuselaxes do Comet comezaron a sufrir unha catastrófica fatiga do metal que, en combinación cos ciclos de presurización da cabina, causou dous accidentes onde o avión se partiu en pleno voo. O Comet tivo que ser retirado e amplamente probado para descubrir a causa; o primeiro accidente inicialmente pensouse que o provocara un incendio a bordo. O Comet foi redeseñado con fiestras ovais, reforzos estruturais e outras melloras para eliminar os seus defectos, mentres que os fabricantes rivais desenvolveron os seus propios modelos axudados polas leccións aprendidas do Comet.
Aínda que as vendas nunca se recuperaron totalmente, a redeseñada serie Comet 4 tivo unha longa e produtiva carreira de 30 anos. O Comet foi adaptado para varios roles militares, como vixilancia, transporte VIP, médico ou de pasaxeiros; o derradeiro Comet 4, usado como plataforma de investigación, fixo o seu derradeiro voo en 1997. A súa modificación máis importante foi para especializarse na patrulla marítima, aparecendo así a súa variante Hawker Siddeley Nimrod. Os Nimrods estiveron en servizo coa Royal Air Force ata o seu retiro en xuño do ano 2011, máis de 60 anos despois do primeiro voo do Comet.