O desenvolvemento humano é un concepto de benestar dentro dun campo de desenvolvemento internacional. Implica estudos sobre a condición humana cuxo núcleo é o enfoque das capacidades. O Índice de Desenvolvemento Humano é empregado polas Nacións Unidas[1][2] como forma de medir o progreso real do desenvolvemento humano. É unha aproximación alternativa a un único interese polo crecemento económico, máis centrado na xustiza social, como xeito de comprender o progreso.
Ata agora, o Programa de Desenvolvemento das Nacións Unidas define o desenvolvemento humano como "o proceso de ampliación das opcións da xente", de xeito que esas opcións lles permitan ás persoas "levar unha vida longa e sa, para ser educadas, para gozar dun estándar decente de vida", así como "liberdade política, outros dereitos humanos garantidos e diversos compoñentes de dignidade[3]”.