Deus Pai é un título dado a Deus en moitas relixións monoteístas, especialmente nas abrahámicas. No xudaísmo Deus é chamado Pai por ser o creador, o dador da vida e da lei, e protector.[1] No cristianismo, Deus tamén é chamado "Pai" polas relacións paternofiliais reveladas por Xesús Cristo e polas razóns mencionadas anteriormente.[2]
Polo xeral, o nome Pai representa o papel de Deus como dador de vida, autoridade, protector poderoso e, a miúdo, percebido como omnipotente, omnisciente e omnipresente, cun poder infinito e cunha caridade máis aló do entendemento humano.[3] Por exemplo, logo de rematar o grande traballo da Summa Theologica, Tomé de Aquino concluía que non comezara a comprender aínda a Deus Pai.[4]