Dise que unha persoa ten unha discapacidade[1] física ou mentalmente se ten unha función básica limitada respecto da media ou anulada por completo. O Día Mundial celébrase o 3 de decembro.
A discapacidade é un vocábulo que abrangue disfuncións, limitación na actividade e restricións na participación. Unha disfunción é un problema na función ou estrutura corporal; unha limitación na actividade é unha dificultade que atopa un individuo para executar unha tarefa ou acción; restrición na participación é un problema experimentado por un individuo no desenvolvemento das situacións da vida. A discapacidade é entón non só un problema de saúde. É un fenómeno complexo que reflicte a interacción entre as características do corpo dunha persoa e as da sociedade en que vive.Organización Mundial da Saúde Disabilities [2]
A discapacidade é un concepto discutido, con diferentes significados en conmunidades diferentes.[3] Pode empregarse para referirse a atributos físicos ou mentais que algunhas institucións, particularmente sanitarias, ven que necesitan ser arranxadas (modelo médico). Pode referirse a limitacións impostas sobre as persoas mediante as restricións da capacidade (modelo social). Pode servir para referirse á identidade das persoas con discapacidade.
A discusión sobre a definición de discapacidade xorde do activismo da discapacidade nos Estados Unidos e no Reino Unido na década de 1970, que desafiou o concepto médico de discapacidade. Os debates sobre a terminoloxía e as súas implicacións políticas continúan mesmo no campo dos estudos da discapacidade. Nalgúns países, a lei require que as discapacidades se documenten por un provedor de asistencia médica para acceder a beneficios.