A diversidade sexual e de xénero (DSX) ou simplemente diversidade sexual é un termo que se usa para referirse de maneira inclusiva a toda a diversidade de sexos, orientacións sexuais e identidades de xénero, sen necesidade de especificar cada unha das identidades, comportamentos e características que conforman esta pluralidade.[1][2][3][4]
En Occidente, habitualmente utilízanse clasificacións simples e herméticas en torno ao sexo (homes, mulleres e intersexuais), á orientación sexual (heterosexuais, homosexuais e bisexuais) e á identidade de xénero (transxéneros e cisxéneros), reunidas baixo as siglas LGTBI (lesbianas, gais, transxéneros, bisexuais e intersexuais). Con todo, outras culturas posúen maneiras diferentes de entender o sistema sexual.[5][6][7] Ademais, nas últimas décadas popularizáronse diversas teorías da sexoloxía, como a teoría de Kinsey e a teoría cuir que propoñen que esta clasificación resulta insuficiente para describir a complexidade da sexualidade na especie humana, e mesmo tamén noutras especies animais.[8]
Por exemplo, poida que as persoas experimenten unha orientación sexual intermedia entre heterosexual e bisexual (heteroflexible) ou entre homosexual e bisexual (homoflexible) ou que esta varíe ao longo do tempo, ou que inclúa atracción independentemente do sexo ou xénero (pansexual). Noutras palabras, dentro da bisexualidade existe unha gran diversidade de tipoloxías e preferencias que varían desde unha completa heterosexualidade a unha completa homosexualidade (escala de Kinsey).[9]
A diversidade sexual tamén inclúe ás persoas intersexuais, que nacen cunha variedade de características intermedias entre homes e mulleres.[10] Ademais tamén se inclúen todas as identidades transxénero e transexuais que non se encadran dentro do sistema de xénero binario e que, do mesmo xeito que a orientación sexual, poden experimentarse en distintos graos máis aló do cisxénero e a transexualidade, como é o caso das persoas de xénero fluído.[11]
Por último, a diversidade sexual tamén engloba ás persoas asexuais, quen experimentan desinterese na actividade sexual;[12] así como a todas aquelas persoas que consideran que a súa identidade non se pode definir, incluídas no ámbito anglosaxón baixo o termo paraugas queer.
Socialmente reivindícase a diversidade sexual como forma da aceptación de calquera forma de ser, con iguais dereitos, liberdades e oportunidades dentro do marco dos Dereitos Humanos. En moitos países reivindícase a visibilidade da diversidade sexual nas marchas do Orgullo LGTBI.[13]