Dungeon Siege | |
---|---|
Desenvolvedor(es) | Gas Powered Games |
Distribuidora(s) | Microsoft (Windows) Destineer (macOS) |
Produtor(es) | Jacob McMahon |
Deseñador(es) | Chris Taylor |
Compositor(es) | Jeremy Soule |
Lanzamento | 5 de abril de 2002 (Windows) 2 de maio de 2003 (OS X) |
Xénero | Rol de acción |
Modos de xogo | Un xogador e multixogador |
Clasificación | PEGI ![]() USK ![]() |
Plataforma(s) | Windows, macOS |
Formato(s) | CD, DVD |
Controis | Teclado e rato |
Na rede | |
http://www.dungeonsiege.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Dungeon Siege é un videoxogo de rol de acción desenvolvido por Gas Powered Games e publicado en abril de 2002 por Microsoft para a plataforma Windows, e ó ano seguinte por Destineer para macOS. Ambientado no reino pseudo-medieval de Ehb, o xogo de alta fantasía segue a historia dun mozo labrego e dos seus compañeiros na súa viaxe para derrotar unha forza invasora. Coa intención inicial de tan só advertir nunha vila próxima da invasión dunha raza de criaturas chamadas os Krug, o granxeiro e os compañeiros que se unen a el na súa viaxe acaban involucrándose na procura dunha forma para derrotar a outra raza invasora chamada os Seck, que rexorden tras ter pasado 300 anos atrapados. A diferenza doutros videoxogos de rol da súa época, o mundo de Dungeon Siege non se divide en niveis, senón que é unha única área continua sen pantallas de carga pola cal o xogador viaxa loitando contra hordas de inimigos. Ademais, en lugar de definir clases de personaxes e controlar manualmente tódolos personaxes do grupo, o xogador controla as tácticas globais e o uso de armas e maxia do grupo, o que dirixe a evolución dos personaxes durante o xogo.
Dungeon Siege foi o primeiro título publicado de Gas Powered Games, compañía fundada en maio de 1998 por Chris Taylor, coñecido entón polo xogo de estratexia en tempo real Total Annihilation. Xunto con varios compañeiros de traballo procedentes de Cavedog Entertainment, Taylor propúxose crear un tipo de xogo diferente a este último, e tras probar varios conceptos decidiron crear un xogo de rol de acción. Taylor foi un dos deseñadores do xogo xunto a Jacob McMahon no papel de deseñador e produtor, e Neal Hallford como guionista principal. A música do xogo compúxoa Jeremy Soule, quen xa traballara na música de Total Annihilation. Gas Powered Games concentrouse en crear un xogo de rol sen os elementos típicos do xénero que consideraban lentos ou frustrantes, para manter o xogador centrado na acción. O proceso de desenvolvemento durou máis de catro anos malia que inicialmente planearan unha duración de tan só dous.
A crítica valorou moi positivamente o xogo trala súa publicación. No agregador Metacritic posicionouse como o terceiro xogo de rol de PC mellor valorado de 2002. A crítica louvou os gráficos e o mundo sen interrupcións, así como a súa mecánica de xogo accesible e entretida, mais desdeñaron o argumento da súa historia. Dungeon Siege vendeu máis de 1,7 millóns de copias e foi nomeado ó premio de Videoxogo de Rol de PC do Ano 2003 pola Academy of Interactive Arts & Sciences. Durante o proceso de desenvolvemento do xogo, Gas Powered Games creou e facilitou unha serie de ferramentas para que os xogadores puidesen crear mods para o xogo, o que resultou nunha activa comunidade de modding trala súa publicación. O xogo recibiu un paquete de expansión titulado Dungeon Siege: Legends of Aranna e publicado en 2003. Posteriormente desenvolvéronse máis xogos dentro da serie: Dungeon Siege II publicado en 2005 e a súa propia expansión Dungeon Siege II: Broken World publicada en 2006; un derivado para PSP titulado Dungeon Siege: Throne of Agony e publicado en 2006; e finalmente Dungeon Siege III, publicado no ano 2011. Tamén se emitiu unha triloxía de filmes, co primeiro deles inspirándose no argumento de Dungeon Siege, In the Name of the King: A Dungeon Siege Tale lanzada no 2007, In the Name of the King 2: Two Worlds no 2011, e In the Name of the King 3: The Last Mission no 2014.