Rutas da biosíntese dos eicosanoides a partir do ácido araquidónico: tres delas son vías paralelas que parten do ácido eicosapentaenoico e do ácido ácido dihomo-gamma-linolénico.
En bioquímica os eicosanoides (o termo máis usado[1]) ou icosanoides[2] (a IUPAC prefire este último actualmente[3]) son lípidos con función sinalizadora ou mediadora orixinados pola oxidación de ácidos graxos esenciais de 20 carbonos do tipo omega-3 e omega-6.
Funcionan en vertebrados e invertebrados exercendo un complexo control sobre diversos sistemas corporais, principalmente na inflamación ou inmunidade, e como mensaxeiros no sistema nervioso central. As redes de control que dependen dos eicosanoides están entre as máis complexas do corpo humano.
Os eicosanoides ω-6 son xeralmente proinflamatorios; e os ω-3 teñen unha actividade proinflamatoria moito menor. As cantidades e o equilibrio entre estes lípidos na dieta dunha persoa afectan ás funcións que os eicosanoides controlan no corpo, con efectos sobre as enfermidades cardiovasculares, os triglicéridos, presión sanguínea e artrite. Fármacos antiinflamatorios como a aspirina e outros antiinflamatorios non esteroideos (AINEs) actúan reducindo a síntese de eicosanoides.
Existen catro grandes familias principais de eicosanoides: prostaglandinas, prostaciclinas, tromboxanos e leucotrienos. Os tres primeiros pertencen ao grupo dos prostanoides. Outras familias menores de tipo eicosanoide, chamadas eicosanoides non clásicos ou novos son as lipoxinas e eoxinas, entre outros. As familias divídense en dúas ou tres series separadas, que derivan dun ácido graxo esencial ω-3 ou ω-6. As diferentes actividades destas series explican en gran medida os efectos sobre a saúde das graxas ω-3 e ω-6.[4][5][6][7]
↑Facendo unha procura na base de artigos científicos PubMed procurando "eicosanoid"All fields aparecen 4.610 artigos co termo eicosanoide (eicosanoid) [1], mentres que procurando "icosanoid"[All fields] só aparecen 41 artigos co termo icosanoide (icosanoid) [2].
↑IUPAC Goldbook - icosanoid. Nesta referencia a propia IUPAC recoñece que os especialistas nese campo da bioquímica usan comunmente "eicosanoide", a pesar de estar recomendado "icosanoide".
↑Índice Medtradiario. Tremedica.org - Letra E (ver eicosanoid) Cita: "Nun principio, a IUPAC adoptou o prefixo eicosa para designar as cadeas de 20 átomos de carbono, pero na edición da Nomenclatura da Química Orgánica de 1973 retractouse explicitamente e introduciu icosa". [...] "Pero como durante moitos anos se aceptou o prefixo eicosa, os bioquímicos seguen referíndose ao ácido araquidónico como ácido 5,6,8,9-eicosatetraenoico (con e e os indicadores numéricos antes do nome) e chamando eicosanoides aos seus derivados".