O electro, tamén coñecido pola súa denominación en latín: electrum (do grego ἤλεκτρον; "ámbar"), é unha aliaxe de ouro e prata que se pode obter artificialmente ou atopar de forma natural. A súa gama de cor vai do amarelo pálido ao máis brillante, en función da proporción de ambos os metais na súa composición.[1][2][3][4]
Xa na antigüidade, Plinio describíao cunha proporción dunha parte de prata por cada catro de ouro.[5][6]
Aínda que xa nos textos antigos se testemuñan referencias ao electro como "ouro branco", cómpre non confundilo co significado que hoxe ten esa expresión, que é o da aliaxe de cor branca á base de ouro, prata, níquel, platino e paladio, moi utilizada en xoiaría.[7][8][9]