A electroforese é o movemento de partículas dispersadas en relación a un fluído baixo a influencia dun campo eléctrico espacialmente uniforme. Na electroforese baséanse numerosas técnicas analíticas bioquímicas.[1][2][3][4][5][6] Este fenómeno electrocinético foi observado por primeira vez en 1807 por Ferdinand Frederic Reuss (Universidade do Estado de Moscova),[7][8] quen se decatou que a aplicación dun campo eléctrico constante causaba que partículas de arxila dispersadas en auga migrasen. En último extremo o fenómeno está causado pola presenza dunha interface cargada entre a superficie da partícula e o fluído que a rodea. A electroforese é a base de numerosas técnicas analíticas usadas en bioquímica para separar moléculas por tamaños, carga, ou afinidade de unión.
A electroforese de partículas cargadas positivamente (catións) denomínase cataforese, mentres que a das partículas cargadas negativamente (anións) chámase anaforese. Nos laboratorios a electroforese é unha técnica que permite separar moléculas, como por exemplo proteínas, aplicando unha carga negativa para que as proteínas se movan cara ás cargas positivas. Isto utilízase tamén para a análise de ADN ou ARN. A electroforese en xel de poliacrilamida (PAGE) ten unha mellor resolución que en xel de agarosa e é máis axeitada para as análises cuantitativas. Pode utilizarse para separar proteínas por tamaño, densidade e pureza. Tamén se utiliza na análise de plásmidos.