Emma Charlotte Duerre Watson, nada o 15 de abril de 1990 en París, Francia, é unha actriz e activista inglesa. É coñecida pola súa participación en producións cinematográficas de éxito mundial e filmes independentes, así como pola súa loita a favor dos dereitos da muller. O longo da súa traxectoria recibiu diversos premios e recoñecementos, entre os que destacan un Premio Young Artist e tres MTV Movie Awards. Segundo as revistas Forbes e Vanity Fair, Watson atópase entre as actrices mellor pagadas do mundo, e en 2015 a revista Time incluíuna entre as 100 persoas máis influentes do mundo dese ano.[1][2][3]
Watson acudiu á Dragon School e recibiu formación de interpretación na Stagecoach Theatre Arts de Oxford.[4] Acadou recoñecemento internacional sendo aínda unha nena cando conseguiu o seu primeiro papel profesional interpretando a Hermione Granger na serie de filmes de Harry Potter, cando daquela só tiña experiencia en obras de teatro escolares. Tamén protagonizou en 2007 a adaptación televisiva da novela Ballet Shoes e puxo a súa voz no filme The Tale of Despereaux (2008). Despois de finalizar a saga de Harry Potter, entre 2011 e 2014, Watson compaxinou o seu tempo entre o cinema e continuar os seus estudos, graduándose en literatura inglesa en maio de 2014 pola Universidade Brown. Ese mesmo ano, foi "embaixadora de boa vontade" na axencia ONU Mulleres e axudou a lanzar a campaña HeForShe, que loita pola igualdade de xénero. En 2018, axudou no proxecto Time's Up UK como fundadora. Watson tamén participou no órgano consultor para o G7 polos dereitos das mulleres en 2019, falando con líderes sobre política exterior.
Watson tamén traballou como modelo en campañas para Burberry e Lancôme. Ademais, puxo o seu nome a unha liña de roupa sostíbel para a marca People Tree. En 2020, uniuse ao cadro de directores de Kering, unha marca de luxo na que avoga pola moda sostíbel.