Un enol ou alquenol é un alqueno (hidrocarburo cun dobre enlace entre carbonos) que leva unido un grupo hidroxilo a un dos átomos de carbono do dobre enlace. Un alqueno que leve un hidroxilo unido en cada un dos carbonos do dobre enlace denomínase enodiol. Os anións desprotonados dos enois reciben o nome de enolatos. Unha redutona é un composto que ten unha estrutura de enodiol cun grupo carbonilo adxacente.
O dobre enlace C=C co grupo OH adxacente dálle aos enois e enodiois as súas características químicas, que fan que presenten tautomería ceto-enólica. Na tautomería ceto-enol, os enois interconvértense coas cetonas ou aldehidos.
As palabras enol e alquenol proceden de alqueno ou do prefixo en que indica dobre enlace, e da terminación ol dos alcohois, indicando o seu grupo hidroxilo.