O envellecemento humano ou senescencia humana é o conxunto de modificacións morfolóxicas e fisiolóxicas que aparecen como consecuencia da acción do tempo sobre os seres humanos (e tamén noutros seres vivos), que supón unha diminución da capacidade de adaptación en cada un dos órganos, aparatos e sistemas, e da capacidade de resposta aos axentes lesivos (noxas) que inciden no individuo. O envellecemento dos organismos e particularmente o da especie humana foi motivo de preocupación desde hai moito tempo por diversas razóns de saúde e demográficas.[1]
A esperanza de vida humana aumentou significativamente nos últimos anos. O envellecemento da poboación pode considerarse un éxito das políticas de saúde pública e do desenvolvemento socioeconómico, aínda que tamén é un reto para toda a sociedade, xa que debe adaptarse a esta nova realidade. Co envellecemento, comezan unha serie de procesos de deterioración paulatina de órganos e as súas funcións asociadas. Moitas doenzas, como certos tipos de demencia, doenzas articulares, cardíacas e algúns tipos de cancro foron asociadas ao proceso de envellecemento.[2]
Por este motivo a investigación a nivel celular deste proceso recibiu especial atención. Un dos achados relevantes é que as células normais están programadas para un número determinado de roldas de división (ver límite de Hayflick). Cada cromosoma posúe nos seus extremos unha serie de secuencias altamente repetitivas e non codificantes denominadas telómeros. Debido ao mecanismo de replicación do ADN nas células, os telómeros vanse acurtando coas sucesivas divisións. Isto vese atenuado pola existencia dun encima chamado telomerase que realiza a replicación telómerica. Porén, a actividade telomerase funciona en células embrionarias, pero está inactiva en células somáticas adultas, o que supón o acurtamento progresivo dos telómeros cromosómicos. Cando o tamaño dos telómeros chega a un certo nivel mínimo, desencadéanse mecanismos que levan á morte celular. Por esta razón, o acurtamento telómerico asociouse co proceso de envellecemento celular. Desta forma, a lonxitude dos telómeros representaría unha especie de reloxo xenético que determinaría o tempo de vida das células.
Internacionalmente, en 1984 admitiuse por convenio, que ancián é toda persoa maior de 65 anos, idade coincidente en moitos países coa xubilación.