Envoltura celular bacteriana

Esquema das envolturas celulares bacterianas. Arriba: bacteria grampositiva. 1-membrana plasmática, 2-peptidoglicano, 3-fosfolípidos, 4-proteínas, 5-ácido lipoteicoico. Abaixo: bacteria gramnegativa. 1-membrana plasmática (membrana interna), 2-espazo periplásmico, 3-membrana interna, 4-fosfolípidos, 5-peptidoglicano, 6-lipoproteína, 7-proteínas, 8-lipopolisacáridos, 9-porinas.

A envoltura celular bacteriana é o conxunto de capas que rodean a célula bacteriana, que comprende a membrana citoplasmática e a parede celular de peptidoglicano e mais unha membrana externa, se esta existe. A maioría das envolturas celulares bacterianas clasifícanse en dúas categorías importantes: grampositiva e gramnegativa, que se dintinguen pola súa reacción á tinguidura de Gram.

Como noutros organismos, a parede celular bacteriana proporciona integridade estrutural á célula. Nos procariotas, a función primaria da parede celular é protexer a célula contra a presión osmótica interna causada polas concentracións moito máis altas de proteínas e doutras moléculas dentro da célula que no medio exterior. A parede celular bacteriana diferénciase da do resto dos organismos pola presenza de peptidoglicano (heteropolímero alternante de N-acetilglicosamina e ácido N-acetilmurámico) e está situada inmediatamente despois da membrana plasmática.

O peptidoglicano é responsable da rixidez da parede celular bacteriana e determina a forma da célula. A pared é relativamente porosa e non constitúe unha barreira para as moléculas pequenas. Aínda que todas as membranas celulares bacterianas conteñen peptidoglicano (son excepcións algúns parasitos intracelulares, por exemplo, Mycoplasma), non todas as membranas celulares teñen a mesma estrutura. Isto reflíctese notablemente na clasificación grampositiva e gramnegativa das bacterias.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne