Epidauro

Estatua de Asclepio, encontrada no santuario de Epidauro (Museo nacional de Atenas).

Epidauro (en grego Ἐπίδαυρος, Epídauros, en latín Epidaurus) era unha pequena cidade grega da Argólida, península ao nordeste do Peloponeso. É principalmente coñecida polo seu santuario de Asclepio, a uns 8 km ao oeste da cidade, e polo seu teatro, que acolle representacións aínda nos nosos días. A cidade grega actual chámase Epídhavro.

Foi unha cidade-estado independente, incorporada ao distrito de Argólida por Roma. O seu territorio, bastante reducido, recibía o nome de Epidauria, e limitaba ao oeste con Argólida, ao norte con Corinto, ao sur con Trecén, e ao leste co golfo Sarónico. Estaba situada nunha pequena península que formaba unha chaira con viñas e montañas. O porto estaba na parte norte da península, ben protexido. A cidade orixinal estaba limitada a parte da península, pero se estendeu ao norte e ao sur.

Estaba só a seis horas en barco de Atenas, e cerca de Exina e Argos (a esta última estaba unida por unha boa vía), e todo isto contribuíu á súa importancia.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne