Erysipelothrix rhusiopathiae | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Morfoloxía celular e colonial de Erysipelothrix rhusiopathiae | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Erysipelothrix rhusiopathiae' Migula, 1900 |
Erysipelothrix rhusiopathiae é unha especie bacteriana formada por bacilos grampositivos, catalase negativos, non formadores de esporas, non ácido-alcohol resistentes, e inmóbiles. O organismo foi establecido como patóxeno humano a finais do século XIX e afecta tamén a animais.[1] Pode illarse do solo, restos de comida e auga contaminada por animais infectados. Pode sobrevivir no solo durante semanas. Nas feces de porco, o período de supervivencia desta bacteria vai de 1 a 5 meses.[2] Crece en condicións aeróbicas e anaeróbicas e non contén endotoxina. A súa distribución é mundial, e é considerada principalmente un patóxeno de animais, que causa nos animais unha doenza similar á erisipela (erisipeloide se afecta ao ser humano, xa que a erisipela humana a causa outro microbio; véxase máis adiante). Os pavos domésticos e os porcos son os que se ven afectados máis comunmente, pero hai informes de casos noutras aves, ovellas, peixes, réptiles e outros animais.[3] Nos porcos, a enfermidade é un tipo de erisipela ás veces chamada "doenza da pel de diamante". Nos humanos, a enfermidade denominada erisipela non é causada por E. rhusiopathiae, senón por especies do xénero Streptococcus. Cando E. rhusiopathiea afecta a humanos, a enfermidade causada, chamada erisipeloide, esta principalmente considerada como unha enfermidade laboral de traballadores de matadoiros e carniceiros.