Escherichia coli | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Escherichia coli (Migula 1895) Castellani e Chalmers 1919 | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Bacillus coli communis Escherich 1885 |
Escherichia coli, moitas veces abreviado como E. coli, é unha bacteria gramnegativa con forma de bacilo, que se encontra comunmente no tracto gastrointestinal inferior dos organismos de sangue quente (endotermos). A maioría das cepas de E. coli son inofensivas, pero algúns serotipos poden causar graves intoxicacións alimentarias nos humanos, e son ocasionalmente responsables da retirada de produtos alimenticios debido á súa contaminación.[1][2] As cepas inofensivas son parte da flora intestinal humana normal, e poden ser beneficiosas para os seus hóspedes ao produciren vitamina K2,[3] e impediren que se establezan alí bacterias patóxenas.[4][5]
E. coli e as bacterias relacionadas constitúen arredor do 0,1% da flora intestinal,[6] e a transmisión fecal-oral é a principal ruta utilizada polas cepas patóxenas que causan doenzas. As células desta bacteria poden sobrevivir fóra do corpo durante un tempo bastante limitado, o cal fai que sexan un organismo indicador ideal para comprobar a contaminación fecal en mostras extraídas do ambiente.[7] Porén, hai un crecente número de investigacións que atoparon E. coli persistentes no ambiente, que poden sobrevivir por longo tempo fóra do hóspede.[8]
A bacteria pode tamén cultivarse de forma fácil e barata no laboratorio, e foi intensamente investigada durante 60 anos, de modo que se pode dicir que E. coli é o organismo modelo procariota máis estudado, e unha importante especie no campo da biotecnoloxía e microbioloxía, onde serviu como organismo hóspede para a maioría dos traballos sobre o ADN recombinante.