Un esgallo[1] ou escallo[2] ou tano é un anaco novo dunha planta (xeralmente unha póla) que se introduce na terra para que naza outra nova, logo, cunha finalidade reprodutiva. O termo esgallo refírese tamén ao anaco de póla dunha planta que se introduce noutra para facer un enxerto (puga).
Videira (Vitis vinifera) micropropagada na substancia proveniente das oucas: ágar-ágar mediante unha técnica de microesgallado.
Pódense cortar anacos de talo e introducilos na terra para produciren raíces. As plantas enraizadas deste xeito serán idénticas ás súas proxenitoras, é dicir, formarán con elas un clon. Existen diferentes xeitos de facer esgallos, segundo a fase do período de crecemento en que se corten:
De gromos: estes esgallos córtanse na primavera das puntas de gromos de crecemento rápido.
De pólas tenras: córtanse algo máis tarde que os anteriores, cando o crecemento apical dos gromos se fixo máis amodo, mais aínda fican verdes.
De pólas semilignificadas: estes esgallos córtanse a finais do verán, cando o crecemento diminuíu e os talos son máis grosos e rexos.
De pólas lignificadas: tómanse de árbores e arbustos de folla caduca durante o período de latencia, cando a póla é lígnea. Coñécense tamén co nome de "epeques" ou" tanos".