Na nomenclatura zoolóxica, unha especie tipo (species typica) é o nome da especie co cal está taxonomicamente asociada de forma permanente o nome dun xénero ou subxénero, é dicir, a especie que contén o(s) espécime(s) tipo.[1] Utilízase un concepto similar para grupos supraxenéricos denominado xénero tipo.
Na nomenclatura botánica, estes termos non teñen consideración formal baixo o actual código de nomenclatura, pero utilízase ás veces imitando o uso que se fai na nomenclatura zoolóxica. En botánica, o tipo dun xénero é un espécime (ou, raramente, unha ilustración); os rangos de xénero e familia e as súas subdivisións, así como algúns nomes de rango superior baseados nos nomes dos xéneros, teñen ditos tipos.[2]
En bacterioloxía, asígnase unha especie tipo a cada xénero.[3]
Cada xénero ou subxénero nomeado en zooloxía, tanto se actualmente está recoñecido como válido coma se non, está teoricamente asociado cunha especie tipo. Porén, na práctica hai acumulados moitos nomes pendentes de tipificar por un atraso ou lentitude na tipificación, que foron definidos en publicacións antigas cando non se requiría especificar un tipo.