Coñécese co nome de estereotipo[1] (do grego: στερεός [stereós], «sólido», e τύπος [typos], «impresión, molde») á percepción esaxerada e con poucos detalles, simplificada, que se ten sobre unha persoa ou grupo de persoas que comparten certas características, calidades e habilidades, que busca «xustificar ou racionalizar unha certa conduta en relación a determinada categoría social».[2][3] Regularmente os estereotipos están baseados en prexuízos que a sociedade estabelece conforme a súa ideoloxía de «modelo a seguir» de conduta ou características físicas, estes van cambiando conforme o paso do tempo.
O termo úsase a miúdo nun sentido negativo, considerándose que os estereotipos son crenzas ilóxicas que limitan a creatividade e que só se poden cambiar mediante o razoamento persoal sobre ese tema. Os estereotipos son alegacións comúns do pasado. Inclúen unha ampla variedade de alegacións sobre diversos grupos raciais e predicións de comportamento baseadas no status social ou a riqueza. Son esquemas de pensamento ou esquemas lingüísticos pre construídos que comparten os individuos dunha mesma comunidade social ou cultural.[4]
Representar a alguén con certas características remite a un estereotipo, manifestar desprezo ou hostilidade polo seu grupo de pertenza relaciónase cun prexuízo, e finalmente levar adiante accións sobre a base deses prexuízos supón unha discriminación.[5]