Estilo severo

Copia moderna do Apolo do Templo de Zeus en Olimpia. O orixinal está no Museo Arqueolóxico de Olimpia

O estilo severo é o estilo que floreceu na escultura da Grecia Antiga entre o período Arcaico e o período Clásico, denominando tamén o seu período particular no ámbito da historia da arte escultórica. Tamén por veces é referido como Pre-Clasicismo, Estilo Austero, ou Clasicismo Primitivo. Porén máis do que unha simple transición, o estilo Severo expresa valores estéticos e sociais específicos, xustificando a súa delimitación como un estilo independente. Introduciu unha flexibilización naturalista substancial nos ríxidos cánones de tendencia abstracta da fase anterior, e distínguese tamén do vocabulario formal moito máis variado das fases Clásica e helenista subsecuentes, sen que iso signifique posuí­r menor mérito artístico. De facto, entre a súa produción encóntranse obras como o Auriga de Delfos, o Deus do Cabo Artemisio e o grupo decorativo do Templo de Zeus en Olímpia, tido como o máis importante e típico exemplar do estilo Severo.[1]

Foi un estilo cultivado en toda a área de influencia grega. O termo foi así denominado por Gustav Kramer no seu libro Über den Styl und die Herkunft der bemahlten griechischen Thongefässe (1837), referíndose á primeira xeración de pintores de vasos "figura vermella", mais a partir do estudo Der strenge Stil (1937) de Vagn Poulsen, tornouse un domínio preferencial da escultura.

Non existe consenso entre os historiadores respecto ás datas de início e fin deste período. Usualmente considérase pertencer ao estilo Severo a xeración activa entre c. 480 a. C. e 450 a. C., mais outros, baseados en boas evidencias, prefiren recuar o inicio do intervalo para c. 500 a. C..C. e estender o seu final até o 440 a. C. e mesmo alén, dando marxe para a inclusión de exemplos precursores e outros máis tardíos. Esa polémica está ligada ás dificultades de datación exacta de moitas pezas, ao carácter dinámico da arqueoloxía, sempre traendo novos datos, e á propia fluidez que cerca a definición das características e dos li­mites dun estilo artístico, o que, como acontece en toda historiografía e crítica da arte, é sempre materia de gran sutileza e pasíbel dunha variedade de interpretacións.[1][2][3]

  1. 1,0 1,1 Western Sculpture: Ancient Greek - The Classical period - Early Classical (c. 500–450 bc). Encyclopaedia Britannica On line
  2. Un resumo da polémica atópase en THOMAS, R. Athletenstatuetten der Spätarchaik und des Strengen Stils. Roma, 1981
  3. Ridgway (1995), pp. 35 e ss..

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne