Eucalipto azul

O eucalipto azul, eucalipto branco[1][2] ou eucalipto[3][4][5] (Eucalyptus globulus)[6][7] é unha árbore perennifolia da familia das mirtáceas pertencente ao xénero eucalipto. Constitúe unha das especies de árbores nativas de Australia máis espalladas ao longo do mundo. Estas árbores adoitan medrar até os 30 ou 55 m de altura. O meirande espécime desta especie atópase na illa de Tasmania e mide 90,7 m.[8] Existen rexistros antigos de árbores aínda máis altas, chegando a meirande aos 101 m.[9] O Avó de Chavín (Viveiro), cuns 7,6 metros de circunferencia na base e máis 61,8 metros de altura, é o eucalipto máis alto da Península Ibérica e un dos máis altos de Europa [10]. A distribución natural desta árbore abrangue a illa de Tasmania e o sur do estado australiano de Victoria (particularmente no sur do estado). Existen poboacións nativas illadas en King Island e Flinders Island, ambas as dúas illas no estreito de Bass. Froito das repoboacións con fins económicos ou ornamentais, existen na actualidade poboacións establecidas no sur de Europa (particularmente en Galicia e Portugal), sur de África, Nova Zelandia, oeste dos Estados Unidos (California), Hawai e a Macaronesia[11].

En inglés denomínase Tasmanian Blue Gum, Southern Blue Gum ou Blue Gum. Os termos Tasmanian (con orixe en Tasmania) e Southern (sureño ou meridional) fan referencia á orixe meridional da árbore (sur de Australia e norte de Tasmania). Blue Gum refírese á cor (blue=azul) do zume que sae de xeito abondoso da codia da árbore cando se lle fan cortes. Gum é o caucho que se forma cando o zume supura. En galego coñécese coma eucalipto azul ou tamén eucalipto branco (pola cor da súa codia). Existen tamén segundo a zona unha ampla sinonimia para denominar á especie.

O eucalipto azul foi proclama emblema floral do estado de Tasmania o 27 de novembro de 1962. O nome da especie vén do latín globulus, pequeno botón, e fai referencia á forma do opérculo.

  1. "eucalipto branco". TERGAL. Consultado o 23/10/2019. 
  2. Díaz Vizcaíno, Elvira; Rigueiro Rodríguez, Antonio; Villarino Urtiaga, Juan José; Rodríguez Río, Xusto A. (2004). Termos esenciais de botánica. Servizo de Publicación e Intercambio Científico da USC. ISBN 84-9750-377-5. 
  3. Castro, Marisa; Freire, Luís; Prunell, Antonio (2003). Guía das árbores de Galicia. Xerais. ISBN 84-7507-406-5. 
  4. Niño Ricoi, Henrique; Silvar, Calros (2001). Guía das árbores de Galicia. Baía. ISBN 84-89803-75-7. 
  5. Losada Cortiñas, E.; Castro González, J.; Niño Ricoi, E. (1992). Nomenclatura vernácula da flora vascular galega. Xunta de Galicia. ISBN 84-453-0594-8. 
  6. Sinonimia: E. cordata, E. glauca, E. diversifolia.
  7. A FAO, nunha reclasificación da sistemática desta especie, utiliza a forma E. globulus Labill. subsp. globulus. J. S. Labillardiere foi quen identificou esta especie, en 1792, a partir de mostras recollidas en Tasmania.
  8. "Giant Trees Consultative Committee". Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2007. Consultado o 23 de agosto de 2018. 
  9. Lewin, D. W. 1906: The Eucalypti Hardwood Timbers of Tasmania
  10. Datos da Consellería do Medio Rural. Outras fontes dan medidas diferentes: 10,5 metros de perímetro e 67 metros de altura (La Voz de Galicia (31.01.2009) [1][Ligazón morta], que di basearse en datos oficiais), ou máis de 80 metros de altura (Turgalicia [2]).
  11. United States Department of Agriculture. "GRIN Taxonomy for Plants - Eucalyptus globulus". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2008. Consultado o 11 de marzo de 2010. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne