Evangelion: 1.0 You Are (Not) Alone | |
---|---|
![]() Logo do filme. | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | ヱヴァンゲリヲン新劇場版: 序 |
Director |
|
Guión | Hideaki Anno |
Baseado en | Neon Genesis Evangelion de Hideaki Anno |
Intérpretes | |
Música | Shirō Sagisu |
Fotografía | Susumu Fukushi |
Montaxe | Hiroshi Okuda |
Estudio | Studio Khara |
Distribuidora | The KlockWorx |
Estrea | 1 de setembro de 2007 |
Duración | 98 minutos |
Orixe | ![]() |
Xénero | Animación |
Recadación | 20 millóns de dólares |
Filme seguinte | Evangelion: 2.0 You Can (Not) Advance |
Na rede | |
https://www.evangelion.co.jp/1_0/index.html | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Evangelion: 1.0 You Are (Not) Alone. (ヱヴァンゲリヲン新劇場版: 序 Evangerion Shin Gekijōban: Jo?) é un filme xaponés de 2007 de animación e ciencia ficción escrito e dirixido por Hideaki Anno. É o primeiro título da tetraloxía Rebuild of Evangelion, baseada na serie de televisión Neon Genesis Evangelion. A historia, que está ambientada na cidade futurista de Tokyo-3 quince anos despois dunha catástrofe planetaria coñecida como o Segundo Impacto, céntrase en Shinji Ikari, un rapaz que é recrutado pola axencia especial Nerv para pilotar un mecha xigante coñecido como Eva, e loitar xunto coa súa compañeira piloto Rei Ayanami contra unha especie de monstros misteriosos coñecidos como Anxos. O filme conta co mesmo elenco de actores de voz da serie orixinal, incluíndo Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Kotono Mitsuishi como Misato Katsuragi.
Evangelion: 1.0 foi concibido como a primeira entrega dun remake en tres partes de Neon Genesis Evangelion cunhas cento cincuenta novas tomas; porén, durante a produción o persoal non puido reutilizar os debuxos orixinais da serie e tivo que comezar a produción dende cero. A medida que avanzaba a produción, o proxecto comezou a desviarse da serie orixinal, introducindo diferenzas na trama e na caracterización dos personaxes. Hideaki Anno uniuse na dirección por Kazuya Tsurumaki e Masayuki, ambos os dous foron axudantes de dirección da serie orixinal. Os guións gráficos foron creados por Shinji Higuchi e Tomoki Kyoda.
O filme, que repasa a trama dos seis primeiros episodios da serie, tivo unha acollida positiva no Xapón, recadando preto de dous mil millóns de iens e xerando ingresos considerables para o mercado do vídeo de conssumo doméstico. No estranxeiro, Evangelion: 1.0 tivo unha recepción máis polarizada, aínda que positiva en xeral; os críticos describírono como demasiado derivado da serie clásica e afirmaron que recortou detalles importantes, mentres que outros eloxiaron a súa dirección, banda sonora e trama, con especial atención ao seu uso dos gráficos CGI. A longametraxe tamén gañou recoñecementos, recibindo premios, entre outros, na Animation Kobe e Tokyo International Anime Fair.