O experimento dos pequenos dinamarqueses, tamén coñecido sinxelamente como o experimento (en dinamarqués: eksperimentet), foi unha operación de Dinamarca realizada en 1951 durante a cal 22 nenos inuit groenlandeses (coñecidos como "nenos do experimento"; en dinamarqués: eksperimentbørn) foron enviados a familias adoptivas dinamarquesas nunha tentativa de reeducalos como "pequenos dinamarqueses".[1] Aínda que se supoñía que todos os nenos eran orfos, a maioría non o eran. Seis nenos foron adoptados mentres estaban en Dinamarca, e dezaseis volveron a Groenlandia e foron trasladados a orfanatos de fala dinamarquesa e nunca máis volveron vivir coas súas familias. A metade dos nenos sufriu trastornos da saúde mental, e tamén a metade deles morreron sendo adultos novos. O goberno de Dinamarca pediu desculpas oficialmente en 2020, despois de varios anos de demandas dos funcionarios groenlandeses.