Fabada

Fabada asturiana acabada de facer.

A fabada[1] ou tamén fabada asturiana é un prato tradicional do principado de Asturias, en España, que consiste nunha potaxe de fabas con touciño, chourizo, morcilla, e ás veces outros ingredientes[2]. Téñase en conta que o termo faba pode referirse tanto aos feixóns (Phaseolus vulgaris), cos que se prepara este prato (brancos secos), como tamén aos chamados faballóns (Vicia faba). En Asturias estes legumes coñécense co nome de fabes (en galego fabas ou feixóns).

Os feixóns póñense a remollo na véspera da preparación. Cocíñanse a pouco lume durante dúas a tres horas, cunha cebola enteira, que se retira pouco despois do inicio da cocedura. O tempero inclúe pemento en po, azafrán e aceite. Finalmente bótanse diversas carnes de porco afumadas e crúas que, no seu conxunto, se coñecen coma compango. O compango está normalmente constituído por touciño, chourizo, morcilla, orella e rabo. O caldo debe ficar no seu punto, presentando unha tonalidade alaranxada.

De acordo coa tradición popular, é un prato que sabe mellor no día seguinte de ser preparado. Sérvese normalmente nun prato ou nunha cazola de barro, coa carne servidas á parte.

Aínda que a receita como tal é tipicamente asturiana, en todas as rexións do norte e centro da península prepáranse pratos semellantes, como en Galicia. É un prato tan popular que é posíbel encontrar versións enlatadas na maior parte dos supermercados españois. É considerado un prato de inverno e consómese polo xantar,[3] xa que é farto e pesado.

  1. Definición en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012) Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. "Definición de fabada no Portal das Palabras". Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2014. Consultado o 03 de outubro de 2014. 
  3. Cocinero/a Ayudante de la Administracion Del Principado de Asturias. ISBN 84-665-2328-6.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne