A familia Simpson é unha familia de personaxes ficticios que protagoniza a serie de animación The Simpsons. A familia nuclear dos Simpson está formada pola parella casada de Homer e Marge e mailos seus tres fillos Bart, Lisa e Maggie. Os cinco viven en 742 Evergreen Terrace na cidade ficticia de Springfield, nos Estados Unidos. Foron creados polo debuxante Matt Groening, quen concibiu a idea mentres agardaba na recepción da oficina de James L. Brooks. Para os seus nomes, Groening usou os de membros da súa propia familia, substituíndo o de "Bart" polo seu propio. A familia apareceu por vez primeira na televisión o 19 de abril de 1987 nunha curtametraxe no programa The Tracey Ullman Show, titulada "Good Night". Isto permitiu que máis adiante puidese crearse a serie independente, a cal debutou o 17 de decembro de 1989 co episodio "Simpsons Roasting on an Open Fire".
Xunto aos cinco membros principais da familia, hai outros personaxes, con máis ou menos importancia, que tamén forman parte desta familia disfuncional. Os personaxes máis habituais e recorrentes son o pai de Homer, Abraham Simpson; as irmás de Marge, Patty e Selma Bouvier; e as dúas mascotas da familia, Santa's Little Helper ("Pequeno axudante de Santa") e Snowball II ("Bóla de neve II"). Entre outros membros atópanse a nai de Homer, Mona Simpson; a "esposa das Vegas" de Homer, Amber; a nai de Marge, Jacqueline Bouvier; e unha manchea de parentes menores.