O feminismo[1] é un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos que teñen como obxectivo común conseguir dereitos ecuánimes (iguais) e unha convivencia humana por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero. Abrangue diversos movementos, teorías e filosofías que avogan pola igualdade entre homes e mulleres, alén de promover os dereitos das mulleres e os seus intereses.[2][3][4][5][6] De acordo con Maggie Humm e Rebecca Walker, a historia do feminismo pode dividirse en tres "ondas".[5][7] A primeira produciuse no século XIX e comezos do século XX, a segunda nas décadas de 1960 e 1970, e a terceira na década de 1990 até o presente.[8] A teoría feminista xurdiu destes movementos femininos[9][10] e maniféstase en diversas disciplinas como a xeografía feminista, a historia feminista e a crítica literaria feminista.
O feminismo alterou principalmente as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade occidental, que van da cultura ó dereito. As activistas femininas fixeron campañas polos dereitos legais das mulleres (dereitos de contrato, dereitos de propiedade, dereitos ó voto), polo dereito da muller á súa autonomía e á integridade do seu corpo, polos dereitos ó aborto e polos dereitos reprodutivos (incluíndo o acceso á contracepción e a coidados prenatais de calidade), pola protección de mulleres e nenas contra a violencia doméstica, o acoso sexual e a violación,[2][11][12] polos dereitos laborais, incluíndo o permiso por maternidade e salarios iguais, e todas as outras formas de discriminación.[13][14][15]
Durante gran parte da súa historia, a maioría dos movementos e teorías feministas tiveron líderes que eran principalmente mulleres brancas de clase media, de Europa Occidental e de América do Norte.[16][17][18] Porén, dende o discurso de Sojourner Truth ás feministas dos Estados Unidos de América, feito en 1851, mulleres doutras etnias e orixes sociais propuxeron formas alternativas de feminismo.[17] Esta tendencia foi acelerada na década de 1960, co movemento polos dereitos civís que xurdiu nos Estados Unidos e o colapso do colonialismo europeo en África, no Caribe e en partes de América Latina e do sueste asiático. Dende entón, as mulleres nas antigas colonias europeas e nos países en vías de desenvolvemento propuxeron feminismos "poscoloniais",[18] nos cales algunhas postulantes, como Chandra Talpade Mohanty, critican o feminismo tradicional occidental como etnocéntrico.[19] Feministas negras, como Angela Davis e Alice Walker, comparten este punto de vista.[16]
Dende a década de 1980, as feministas argumentaron que o movemento debería examinar como a experiencia da muller coa desigualdade se relaciona ó racismo, á homofobia, ó clasismo e á colonización.[17][20] A finais desa década e comezos da seguinte as feministas posmodernas argumentaron que os papeis sociais dos xéneros foron construídos socialmente,[21][22][23] e que sería imposíbel xeneralizar as experiencias das mulleres por todas as súas culturas e historias.[24]
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Suffragettes to Grrls
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Chodorow1989
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome gilligan1977
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome debeauvoir1973