O feminismo radical é unha corrente feminista que sostén que a raíz da desigualdade social e económica en todas as sociedades ata agora existentes é o patriarcado, a dominación do varón sobre a muller.[1] Esta perspectiva céntrase nas relacións de poder que se organizan na sociedade, construíndo a supremacía masculina, entre outras cuestións debido ao papel reprodutivo da muller e o varón. Denomínase feminismo radical porque se propón buscar a raíz da dominación.[2]
Esta corrente procura unha reorganización da sociedade na cal a supremacía masculina sexa eliminada en todos os contextos sociais e económicos.[3] As feministas radicais buscan abolir o patriarcado desafiando as normas e institucións sociais existentes, máis que a través dun proceso puramente político. Isto inclúe a eliminación da noción tradicional dos roles de xénero, a oposición da cousificación sexual das mulleres e a sensibilización da poboación sobre cuestións como a violación e a violencia contra a muller.
O feminismo radical temperán, cuxas orixes pódense situar na segunda onda feminista dos 60,[4] consideraba o patriarcado como un «fenómeno transhistórico»[5] anterior e máis profundo ca outras fontes de opresión, «non só o xeito máis antigo e máis universal de dominación, senón a forma primaria»[6] e o modelo para todos os demais.[6] Máis tarde, a política derivada do feminismo radical variou dende o feminismo cultural[3] ata a política máis sincrética que relacionou as cuestións de clase, economía etc. co patriarcado, todas elas fontes de opresión.[7]
As feministas radicais localizan a raíz da causa da opresión das mulleres nas relacións patriarcais de xénero, en oposición aos sistemas legais (como o feminismo liberal) ou á loita de clases (como no feminismo anarquista, o feminismo socialista e o feminismo marxista).