Filipe II de Francia, tamén chamado Filipe Augusto (en francés: Philippe Auguste), nado en Gonesse o 21 de agosto de 1165 e finado en Mantes-la-Jolie o 14 de xullo de 1223, foi o sétimo rei da dinastía dos Capetos, fillo e herdeiro de Lois VII de Francia o Mozo e de Adela de Champaña. Ocupou o trono de Francia entre 1180 e 1223.
Filipe Augusto é un dos monarcas máis admirados e estudados da Francia medieval non só en razón do seu longo reinado, senón tamén polas súas importantes vitorias militares e, sobre todo, polo desenvolvemento dos proxectos levados a cabo para asegurar o poder real fronte ós grandes señores feudais.