Filipo II (en grego Φίλιππος), nado en Pela no 382 a.C. e finado no 336 a.C., foi un rei de Macedonia, o fillo máis novo de Amintas III.
Durante moitos anos Macedonia fora unha zona inestábel, cuxos reis se asasinaban uns aos outros para conseguiren o poder sobre todas as tribos. Con Filipo chegou o comezo dun grande Imperio. Filipo impuxo o poder sobre os demais e conseguiu que o seu pobo tirase partido da súa vantaxosa posición xeográfica. Segundo os historiadores, as fazañas de Filipo son grandiosas e son a apertura dun camiño de gloria que percorrería o seu fillo Alexandre Magno.