A fita americana ou cinta americana, coñecida tamén como fita de tea ou fita prateada (en inglés orixinariamente duck tape[1]e despois duct tape[2]) é un tipo de fita adhesiva que se caracteriza por ter unha rede ou fiado de fibras naturais ou sintéticas parecida a unha venda como reforzo con recubrimento de polietileno. O resultado é unha fita doada de cortar coas mans, máis forte e resistente á tracción e presión que outras fitas e que ten múltiples usos. Adoita presentarse en rolos moito máis anchos que outras fitas adhesivas. O lado non adhesivo normalmente é de cor gris metálica, pero hainas negras e doutras cores. Desenvolvéronse varios tipos.
Non se debe confundir coa fita gaffer, que é parecida pero de distinta composición, sen capa plástica, e ten un adhesivo máis resistente á calor e máis fácil de despegar.[3] É máis cara. Utilízase moito nas producións de teatro, cine e televisión.