Flora oral

A flora oral ou microbiota oral é o conxunto de microorganismos, fundamentalmente bacterias, que viven na cavidade oral (boca). Esta flora é estudada pola microbioloxía oral, que se pode definir como o estudo dos microorganismos da cavidade oral e das interaccións entre eles e co seu hóspede. É de especial interese o seu papel no desenvolvemento de carie e a enfermidade periodontal.[1]

A boca alberga unha diversa, abundante e complexa comunidade microbiana. Esta microflora tan diversa habita as diversas superficies da boca normal (superficie dos dentes, enxivas, epitelio da mucosa e lingua). As bacterias poden acumularse tanto nos tecidos brandos coma nos duros formando biofilmes. A adhesión das bacterias a superficies é moi importante para as bacterias orais.

Nas bacterias orais evolucionaron mecanismos para poder percibir as condicións do seu ambiente e para evadirse ou modificar as accións do seu hóspede. As bacterias ocupan o nicho ecolóxico da superficie de dentes e enxivas, pero un sistema de defensa innato do hóspede moi eficiente vixía e controla constantemente a colonización bacteriana e impide a invasión bacteriana dos tecidos locais. Existe un equilibrio dinámico entre a placa dental de bacterias e o sistema de defensa innato do hóspede.[1]

  1. 1,0 1,1 Rogers A H (editor). (2008). Molecular Oral Microbiology. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-24-0. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne