Flora vaxinal

Lactobacilos e unha célula vaxinal escamosa.

A flora vaxinal, tamén chamada microbiota vaxinal, é o conxunto de microorganismos (principalmente bacterias) que colonizan a vaxina. Foi descuberta polo xinecólogo alemán Albert Döderlein en 1892. A cantidade e tipo de bacterias presentes ten importancia na saúde global da muller. As principais bacterias colonizadoras da vaxina nunha muller con boa saúde son os do xénero Lactobacillus,[1] como a especie L. crispatus, e o ácido láctico que producen (algunhas especies producen peróxido de hidróxeno ou antibióticos), en combinación cos fluídos segregados durante a excitación sexual, son en grande medida responsables do cheiro característico da área vaxinal.

As alteracións da flora vaxinal normal ou a transmisión de microorganismos infecciosos, poden facer que estes proliferen na vaxina, orixinando infeccións. Entre as diversas bacterias que poden proliferar anormalmente está Gardnerella vaginalis, que pode causar vaxinose bacteriana. Na vaxina tamén poden vivir fungos, como os lévedos do xénero Candida, que en certas situacións poden orixinar infeccións, especialmente as producidas por Candida albicans. Entre os protozoos que poden proliferar na vaxina como resultado dunha transmisión por vía sexual, hai que salientar a Trichomonas vaginalis, axente da trocomoníase.

  1. Vasquez, A.; Jakobsson, T.; Ahrne, S.; Forsum, U.; Molin, G. (2002). "Vaginal Lactobacillus Flora of Healthy Swedish Women". Journal of Clinical Microbiology 40 (8): 2746–2749. doi:10.1128/JCM.40.8.2746-2749.2002. PMC 120688. PMID 12149323.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne