Fosfatidilcolina

Exemplo de fosfatidilcolina a pH celular co fosfato e a colina ionizados (parte polar). O resto da molécula é hidrófoba.
A colina é un aminoalcohol que forma a cabeza polar da fosfatidilcolina.

As fosfatidilcolinas (PC) son un tipo de fosfolípido que conten colina como cabeza polar, e que se diferencian polos ácidos graxos que conteñen, presentes en graxas animais e vexetais. Son os principais compoñentes das membranas biolóxicas e poden obterse facilmente de moitas fontes dispoñibles, como a xema de ovo ou fabas de soia, das que se extrae mecánica ou quimicamente usando hexano. Son membros do grupo das lecitinas.

O nome "lecitina" (do grego λεκιθος lekithos 'xema de ovo') foi definido orixinalmente por Theodore Nicolas Gobley, un químico e farmacéutico francés de mediados do século XIX, quen o aplicou ás fosfatidilcolinas da xema de ovo que identificou (en 1847) e describiu estruturalmente (en 1874). Os extractos de lecitina comercial consisten nunha mestura de fosfatidilcolinas e outros compostos, nos que a fosfatidilcolina é un dos compoñentes principais, polo que é frecuente que se usen os dous termos como sinónimos en certos contextos. As lecitinas úsanse xunto con taurocolato sódico en estudos con fármacos moi lipófilos.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne