O fotosistema II (FSII ou PSII polas súas siglas en inglés) ou auga-plastoquinona oxidorredutase é o primeiro complexo proteico das reaccións luminosas da fotosíntese oxixénica. Está localizado na membrana dos tilacoides de plantas, algas e cianobacterias[1]. Neste fotosistema uns encimas capturan fotóns de luz para enerxizar electróns que son transferidos a través de diversos coencimas e cofactores para reducir a plastoquinona a plastoquinol. Os electróns enerxizados son recuperados a partir da oxidación da auga, na que se forman ditos electróns xunto con ións hidróxeno e oxíxeno molecular.
Ao repoñer os electróns perdidos con electróns procedentes da escisión da auga, o fotosistema II proporciona os electróns para que toda a fotosíntese poida ter lugar. Os ións hidróxeno (protóns) xerados pola oxidación da auga axudan a crear un gradiente de protóns que se utiliza para a síntese de ATP, na que se xera a molécula enerxética ATP. Os electróns enerxizados transferidos á plastoquinona son finalmente utilizados para reducir o NADP+
a NADPH ou son utilizados no fluxo electrónico non cíclico.[2] Unha substancia química chamada DCMU utilízase con frecuencia nos laboratorios para inhibir a fotosíntese. Cando está presente, a DCMU inhibe o fluxo de electróns desde o fotosistema II á plastoquinona.