Fragmento scFv

Fragmento scFv en rotación coas rexións determinantes da complementariedade (CDR) salientadas.
As dúas posibles estruturas dun fragmento scFv cos sitios de unión de antíxenos incluíndo o N-terminal á esquerda e o C-terminal á dereita. Os péptidos enlazadores (linker) móstranse como frechas.

Un fragmento scFv ou fragmento variable de cadea sinxela (scFv, do inglés sigle-chain variable fragment), malia o seu nome, non é un fragmento de anticorpo, senón unha proteína de fusión das rexións variables das cadeas pesada (VH) e lixeiras (VL) das inmunoglobulinas, conectadas cun curto péptido enlazador (linker) duns dez a 25 aminoácidos.[1] Este enlazador é xeralmente rico en glicina para darlle flexibilidade, e tamén en serina ou treonina para darlle solubilidade, e pode conectar o N-terminal da VH co C-terminal da VL, ou viceversa.[2] Esta proteína mantén a especificidade da inmunoglobulina orixinal, a pesar da eliminación das rexións constantes e a introdución do enlazador.[3] A imaxe da dereita mostra como esta modificación xeralmente non altera a especificidade.

Estas moléculas foron creadas para facilitar a técnica do phage display, na que é moi conveniente expresar o dominio de unión ao antíxeno como un péptido único. Como alternativa, pode crearse un scFv directamente a partir de cadeas pesadas e lixeiras subclonadas derivadas dun hibridoma. Os scFvs teñen moitos usos, por exemplo, a citometría de fluxo, inmunohistoquímica, e os dominios de unión ao antíxeno de receptores de célula T artificiais.

A diferenza dos anticorpos monoclonais, que son a miúdo producidos en cultivos celulares de mamíferos, os scFvs son máis a miúdo producidos en cultivos celulares bacterianos, como os de Escherichia coli.[3]

  1. Huston, J. S.; Levinson, D.; Mudgett-Hunter, M.; Tai, M. S.; Novotný, J.; Margolies, M. N.; Crea, R. (1988). "Protein engineering of antibody binding sites: recovery of specific activity in an anti-digoxin single-chain Fv analogue produced in Escherichia coli". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 85 (16): 5879–5883. doi:10.1073/pnas.85.16.5879. 
  2. Schirrmann, Thomas (8 November 2004). "Tumorspezifisches Targeting der humanen Natürlichen Killerzellinie YT durch Gentransfer chimärer Immunglobulin-T-Zellrezeptoren" (en German). Berlin. 
  3. 3,0 3,1 Peterson, Eric; Owens, SM; Henry, RL (2006). "Monoclonal Antibody Form and Function: Manufacturing the Right Antibodies for Treating Drug Abuse". AAPS Journal 8 (2): E383–E390. PMC 3231570. PMID 16796389. doi:10.1208/aapsj080243. Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2012. Consultado o 19 de xaneiro de 2018. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne