O gabro[1] é unha rocha ígnea ou magmática fanerítica (de gran groso), máfica (básica) intrusiva (plutónica) formada a partir do arrefriamento lento de magma rico en magnesio e ferro que orixina unha masa holocristalina (totalmente cristalizada) en zonas profundas da codia terrestre. O gabro, de gran groso e arrefriamento lento, é quimicamente equivalente ao basalto de gran fino e arrefriamento rápido (rocha volcánica ou extrusiva). Gran parte da codia oceánica terrestre está feita de gabro, formado nas dorsais oceánicas. O gabro tamén se encontra constituíndo plutóns asociados co magmatismo continental. En senso estrito o gabro está composto principalmente de plaxioclasio cálcico e piroxeno en proporcións de volume similares.[2][3] Porén, debido á súa variada natureza, o termo gabro pode aplicarse de forma aproximada para referirse a un amplo rango de rochas intrusivas, moitas das cales son simplemente "gabroicas", como son os gabroides do diagrama QAPF, é dicir, que están no campo da anortosita-gabro-diorita, os cales teñen máis dun 10 % de minerais escuros e plaxioclasio cálcico (An50-An100).[3].
En Galicia hai poucos gabros, pero poden encontrarse algúns gabros e matagabros (gabros que sufriron metamorfismo) no Complexo de Ordes e no de cabo Ortegal.[4][5] (Ver xeoloxía de Galicia).