Galicia (gl) Galicia (es) | |||||
Himno | Os Pinos | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | España | ||||
Capital | Santiago de Compostela | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.695.645 (2021) (91,15 hab./km²) | ||||
Xentilicio | galego, galega | ||||
Lingua oficial | lingua galega lingua castelá | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 29.574 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico e Mar Cantábrico | ||||
Punto máis alto | Pena Trevinca (2.127 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 28 de abril de 1981 | ||||
Día festivo | |||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Xunta de Galicia | ||||
• Presidencia da Xunta | Alfonso Rueda (2022–) | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento de Galicia , (Escano: 75) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .gal | ||||
ISO 3166-2 | ES-GA | ||||
Código NUTS | ES11 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | Prefectura de Wakayama (1998–) | ||||
| |||||||||||||||||
Problemas coa escoita destes ficheiros? Vexa a páxina de axuda. |
Galicia[a] ( pronunciación (axuda · info)) ou Galiza[b] ( pronunciación (axuda · info))[c] é unha nación[d] recoñecida internacionalmente en 1933[3][4][5][6] e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.
Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España. Así mesmo, como unha das seis autonomías con dereito foral, posúe o seu Dereito civil propio.
A súa superficie é de 29 576,74 km², pola que se espallan 30 377 núcleos de poboación,[7] a metade dos existentes en España.[8][9][e] Estes esténdense por 3 771 parroquias,[7] que compoñen 313 concellos,[7] agrupados en 53 comarcas e catro provincias. Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial.[11] Forman parte do territorio unha serie de illas e illotes próximos á costa, entre os que destacan a Illa de Arousa e as illas Cíes e Ons.
Galicia posúe 2 695 645 habitantes dos que 1 297 301 son homes e 1 398 344 mulleres (datos a 1 de xaneiro de 2021).[12] Conta cunha distribución da poboación que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. Os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios de poboación son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol.
O concello máis poboado é o de Vigo con 292 374 habitantes (datos de 2022)[13] e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 228 habitantes no 2022. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,42 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,31 km².[8] A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6 545,18 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,62 hab./km² no 2020.
Galicia xurdiu como entidade política no século III, coa creación da provincia romana da Gallaecia.[14] Cuns límites que superaban os actuais, recibía o seu nome dos galaicos, o pobo celta que levaba morando en castros ao norte do río Douro polo menos o último milenio. As súas terras, habitadas dende o primeiro período da era prehistórica, o Paleolítico inferior, foran incorporadas ao Imperio Romano ao final das guerras cántabro-astúrico-galaicas no 19 a. C. Coa chegada dos suevos contra o ano 410, Galicia constituíuse como reino e foi o primeiro Estado medieval de Europa.[15] Este reino suevo-galego, alén de ser o primeiro en se separar do Imperio Romano, foi tamén o primeiro en cuñar moeda propia, en se converter ao catolicismo e en chegar a dominar case toda a Península Ibérica.[16] En 585 foi incorporado ao reino visigodo, tornándose o espazo galego nunha das tres unidades que conformaban o conxunto rexido polos monarcas;[17] con rei propio nalgunha ocasión. Após a caída visigoda en 711, en Galicia comezouse a conformación dun novo reino cristián.[18] Consolidado o poder rexio no século IX,[19] o reino de Galicia atinxiu a hexemonía peninsular durante o período entre os séculos XI e XIII,[20] sendo un dos centros políticos máis importantes da Europa Occidental,[21] nunha etapa de máximo esplendor económico, artístico e cultural,[22] en que proxectou a lingua e literatura galegas alén das súas fronteiras. A independencia de Portugal en 1139, a separación de Castela en 1157[23] e a individualización de León no mesmo século[24] restrinxiron o territorio do antigo reino ao propiamente galego. Por diferentes vicisitudes políticas, Galicia aínda sufriría unha serie de mutilacións territoriais na súa franxa leste, primeiro coa perda do Eo-Navia nesa centuria e despois coa do Bierzo e a Seabra séculos despois.[25] Tras a unión dinástica en 1230 na persoa do rei de Castela, o reino mantivo o seu particularismo político, mais comezou unha progresiva decadencia debido ao afastamento do centro de poder.[26] Con posterioridade tentáronse desenvolver proxectos políticos propios mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán I (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386). O século XV supuxo o cumio do poder para os señores feudais galegos, que gobernaron coma reis nos seus dominios, ata que a fracasada gran revolta irmandiña (1467-1469) e o conflito sucesorio (1475-1479) propiciaron a chamada doma e castración do Reino de Galicia, consumada en 1486 polos Reis Católicos. Como un dos reinos da Monarquía Hispánica, Galicia seguiu a ser unha entidade xurídica independente ata 1833,[27][28] cando os antigos reinos foron abolidos para crear un estado centralizado.[29] Anteriormente, en 1808 tivera total soberanía coa súa Xunta Suprema no contexto da guerra contra o invasor francés. Durante os séculos XIX e XX houbo diferentes correntes galeguistas (provincialismo, rexionalismo, nacionalismo), medrando a demanda de autogoberno e recoñecemento da identidade cultural e lingüística galegas. Isto, alén dunha efémera República Galega en 1931 e do recoñecemento internacional como nación en 1933, resultou no Estatuto de Autonomía de 1936, frustrado polo inmediato Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e a posterior longa ditadura. Após a súa finalización coa morte do ditador, aprobouse o Estatuto de Autonomía de 1981, o cal dotou a Galicia dun relativo autogoberno.
el tribunal [Tribunal Supremo de España] dejó claro que el reino de Castilla y la Corona de Aragón seguían siendo entidades autónomas incluso tras la llegada de los Borbones con la victoria de Felipe V en la Guerra de Sucesión y la publicación, entre 1707 y 1716, de los decretos de Nueva Planta con los que desmanteló las instituciones propias de los territorios que integraban el segundo de esos sujetos políticos
Erro no código da cita: As etiquetas <ref>
existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/>
correspondente