Un gas de efecto invernadoiro (ou ás veces, simplemente, gas de invernadoiro ou gas invernadoiro) é un gas que absorbe e emite enerxía radiante nas lonxitudes de onda do infravermello térmico, causando o efecto invernadoiro.[1] Os principais gases de efecto invernadoiro da atmosfera terrestre son o vapor de auga (H2O), dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O) e ozono (O3). Cantidades moderadas de efecto invernadoiro suavizan a temperatura media da Terra e se non existisen estes gases, a temperatura media na superficie da Terra sería de só -18 °C,[2] en lugar da media actual de 15 °C (33 °C máis).[3][4][5] Os gases de efecto invernadoiro existen tamén en moitas atmosferas extraterrestres, creando efecto invernadoiro na atmosfera de Marte, na da lúa Titán e, de forma especialmente intensa, na de Venus.[6]
As actividades humanas desde o principio da Revolución Industrial (arredor de 1750) incrementaron a concentración atmosférica de metano nun 150% e a de dióxido de carbono nun 50%,[7][8] ata un nivel que non se dera nos últimos 3 millóns de anos.[9] O dióxido de carbono está causando 3/4 do quecemento global e pode tardar miles de anos en ser totalmente absorbido polo ciclo do carbono.[10][11] O metano causa a maioría do resto do quecemento e dura na atmosfera unha media de 12 anos.[12]
A temperatura superficial global media elevouse uns 1,2 °C como resultado das emisións de gases de efecto invernadoiro. Se as taxas de emisión actuais continúan, entón o aumento das temperaturas superará os 2,0 °C entre 2040 e 2070, o cal é o nivel que o Grupo Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC polas súas siglas en inglés) das Nacións Unidas considera que é "perigoso".[13]
A gran maioría das emisións de dióxido de carbono antropoxénico procede da combustión de combustibles fósiles, principalmente carbón, petróleo e gas natural. Contribucións adicionais proceden da fabricación do cemento, produción de fertilizantes e cambios no uso do solo como a deforestación.[14][15][16] As emisións de metano orixínanse pola produción de combustibles fósiles, a agricultura e gandaría, os vertedoiros de lixo e outras fontes.[17]
A concentración de metano na atmosfera é actualmente dúas veces e media maior que os seus niveis preindustriais
O tempo de vida do dióxido de carbono non se pode representar cun só valor porque o gas non se destrúe co tempo, senón que se move entre diferentes partes do sistema océano–atmosfera–terra. Parte do exceso de dióxido de carbono é absorbido rapidamente (por exemplo, pola superficie oceánica), pero unha porción permanece na atmosfera durante miles de anos, debido en parte ao proceso moi lento polo cal o carbono se transfire aos sedimentos oceánicos.
A queima de carbón, gas natural e petróleo para producir electricidade e calor é a maior fonte única de emisións de gases de efecto invernadoiro.