Glicoquinase | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||
Glicoquinase (hexoquinase 4), baseada en PDB 1GLK | |||||||||
Identificadores | |||||||||
Número EC | 2.7.1.2 | ||||||||
Número CAS | 9001-36-9 | ||||||||
Bases de datos | |||||||||
IntEnz | vista de IntEnz | ||||||||
BRENDA | entrada de BRENDA | ||||||||
ExPASy | vista de NiceZyme | ||||||||
KEGG | entrada de KEGG | ||||||||
MetaCyc | vía metabólica | ||||||||
PRIAM | perfil | ||||||||
Estruturas PDB | RCSB PDB PDBe PDBj PDBsum | ||||||||
Gene Ontology | AmiGO / EGO | ||||||||
|
A glicoquinase (GK, con Número EC:2.7.1.2) é un encima que cataliza a fosforilación da glicosa a glicosa 6-fosfato. A glicoquinase está presente nas células do fígado, páncreas, intestino, e cerebro de humanos e da maioría dos outros vertebrados. Neses órganos exerce un importante papel na regulación do metabolismo dos carbohidratos ao actuar como un sensor de glicosa, que impulsa cambios no metabolismo ou as funcións celulares en resposta ao incremento ou diminución dos niveis de glicosa, como os que ocorren despois dunha comida ou no xaxún. As mutacións no xene deste encima poden causar formas infrecuentes de diabetes ou hipoglicemia.
A glicoquinase é un isoencima hexoquinase, relacionado con polo menos outras tres hexoquinases homólogas.[1] Todas as hexoquinases poden mediar a fosforilación da glicosa a glicosa 6-fosfato (G6P), que é o primeiro paso na síntese do glicóxeno e na glicólise. Porén, a glicoquinase está codificada nun xene diferente e as súas propiedades cinéticas distintivas permítenlle que interveña nun variado conxunto de funcións. A glicoquinase ten unha menor afinidade pola glicosa que as outras hexoquinases, e a súa actividade está localizada nuns poucos tipos celulares, mentres que as outras tres hexoquinases son as máis importantes na preparación da glicosa para a glicólise e a síntese de glicóxeno na maioría dos tecidos e órganos. Debido á súa reducida afinidade, a actividade da glicoquinase nas condicións fisiolóxicas normais varía substancialmente segundo a concentración de glicosa.[2]