As globulinas son un grupo de proteínas globulares de maior peso molecular e máis hidrosolubles que as albuminas, que se encontran no plasma sanguíneo e outros fluídos animais e en plantas. Son solubles en disolucións salinas diluídas, pero non en auga pura e precipitan en sulfato de amonio ao 50%.[1] Algunhas globulinas prodúcense no fígado e outras no sistema inmunitario. As globulinas, albuminas, e o fibrinóxeno son as principais proteínas sanguíneas. A concentración normal de globulinas no sangue é de 2,6-4,6 g/dL. Nos tecidos vexetais, como os das sementes de moitas plantas, hai tamén globulinas. Entre as globulinas hai proteínas transportadoras, que transportan substancias específicas; reactivos de fase aguda dos procesos inflamatorios; factores de coagulación; compoñentes do complemento; e inmunoglobulinas.
O termo "globulina" non se debe usar como sinónimo de "proteína globular". Por exemplo, as albuminas son tamén proteínas globulares pero non son globulinas. As demais proteínas globulares do soro sanguíneo son globulinas.