![]() Blindado da policía na Ballhausplatz, xunto á chancelería. | |
Contexto do acontecemento | |
---|---|
Data | 25 de xullo de 1934 |
Lugar | Austria |
Impulsores | Partido Nacionalsocialista austríaco, co apoio de Alemaña. |
Motivos | Crise política entre Austria e Alemaña. |
Influencias ideolóxicas dos impulsores | Nacionalsocialismo |
Goberno previo | |
Gobernante | Engelbert Dollfuss |
Forma de goberno | República corporativista |
Goberno resultante | |
Gobernante | Kurt von Schuschnigg |
Forma de goberno | República corporativista |
O golpe de Estado de xullo, tamén coñecido simplemente como golpe de xullo (alemán: Juliputsch) foi unha tentativa de golpe de Estado perpetrado polo Partido Nacionalsocialista Austríaco contra o goberno conservador católico austríaco entre o 25 e o 30 de xullo de 1934. Aínda que os confabulados lograron tomar a sede do goberno e asasinar o chanceler Engelbert Dollfuss, quedaron rodeados e, faltos de apoio externo, tiveron que claudicar sen poder acadar o obxectivo de impór un goberno pro-nazi dirixido por Anton Rintelen do Partido Social Cristián. A rebelión estendeuse ao resto do país nos días seguintes, mais foi esmagada polas forzas gobernamentais. Como consecuencia do fracaso, o movemento nacionalsocialista austríaco quedou temporalmente moi debilitado. Segundo Villares e Bahamonde, este foi a primerira intentona para levar a cabo o Anschluss.[1]
Os primeiros plans contra Dollfuss xurdiran a principios do verán de 1933, cando o chanceler austríaco prohibira o partido nazi, mais non deran resultado.[2] A crise do nacionalsocialismo austríaco, perseguido cada vez con máis rigor polo Goberno, desalentado pola falta de acceso ao poder, desunido e inzado de extremistas que clamaban acción contra Dollfuss conduciu á organización do golpe de xullo de 1934.[3] O que debera ser un amplo alzamento nacional con apoio militar que derrocara o Goberno de Dollfuss e implantara outro que solicitara a intervención alemá foi en realidade un golpe de man mal organizado protagonizado por 154 nacionalsocialistas que quedaron illados axiña na capital austríaca.[4]
Os conxurados aproveitaron o cambio de garda da chancelería para entrar no recinto ás 12:53 do 25 de xullo.[5] Un deles, o ex-sarxento Otto Planetta, disparou dous tiros contra o chanceler cando este tentaba fuxir do edificio.[6] Dollfuss morreu desangrado dúas horas e media máis tarde.[7] Ao mesmo tempo que ocupaban a chancelería, os rebeldes tomaban tamén a emisora de radio RAVAG.[8] Seguindo o plan previsto, dende aló anunciaron a dimisión de Dollfuss e a formación dun novo gabinete presidido por Anton Rintelen.[8] O anuncio debera desencadear un levantamento nacional en favor do novo Goberno, mais este non se produciu.[9] Por outra banda, o grupo que marchara capturar ao presidente da república, Wilhelm Miklas, no seu retiro de verán, fracasou.[10]
O Goberno e a xefatura militar reuníronse no Ministerio de Defensa.[11][12] Miklas, que rexeitou todo pacto cos rebeldes, nomeou o ministro Kurt von Schuschnigg chanceler interino e ordenoulle esmagar o golpe pola forza.[13] Finalmente, ás cinco e media da tarde, Von Schuschnigg presentou un ultimato aos rebeldes para que entregaran nun cuarto de hora a chancelería.[14] En realidade, as negociacións entre os rebeldes e o Goberno estendéronse durante dúas horas máis.[14] As forzas gobernamentais puideron recuperar pacificamente o edificio arredor das oito da tarde.[15]
Confirmado finalmente o fracaso do golpe polo embaixador alemán a noite do 25, Hitler ordenou de inmediato negar toda participación alemá no infrutuoso proxecto.[16] O Goberno alemán viuse en apuros a pesar do desmentido gobernamental polo tardío estalido de rebelións dos seus partidarios nas provincias austríacas, que as forzas gobernamentais non lograron sufocar completamente ata o día 28.[17] O 26, Hitler nomeou o vicechanceler Franz von Papen novo embaixador en Viena.[17] Este esperaba acadar o obxectivo de anexionar o país sen ter que utilizar de novo á violencia.[18] A tarde do día 25, cando Mussolini, que esperaba a visita poucos días despois de Dollfuss, recibiu confirmación do golpe de Estado que estaba tendo lugar na capital austríaca, ordenou de inmediato o avance das forzas italianas á fronteira austro-italiana.[19] O fracaso do golpe de Estado permitiu que a independencia austríaca se mantivese catro anos máis, ata a anexión alemá do país na primavera de 1938.[20]