Gordon Howe, nado en Floral (Saskatchewan) o 31 de marzo de 1928 e finado en Sylvania (Ohio) o 10 de xuño de 2016, foi un xogador de hóckey sobre xeo canadense. Entre 1946 e 1980 xogou vinte e seis temporadas na National Hockey League (NHL) e seis na World Hockey Association (WHA); as súas vinte e cinco primeiras temporadas as pasou cos Detroit Red Wings. Alcumado "Mr. Hockey", Howe adoita ser considerado o xogador máis completo da historia do deporte, e un dos máis grandes de todos os tempos.[1][2] Cando se retirou, os seus 801 goles, 1049 asistencias e 1850 puntos totais foron todos récord da NHL, que se mantiveron ata que os superou Wayne Gretzky, el mesmo gran defensor do legado de How. Participou vinte e tres veces no NHL All-Star, e mantén as marcas de máis partidos e máis temporadas xogadas na NHL. En 2017, Howe foi nomeado un dos "100 Mellores Xogadores da NHL".[3]
Howe debutou na NHL cos Red Wings en 1946. Gañou o Art Ross Trophy por liderar a liga en puntos todos os anos entre 1950-51 e 1953-54 e de novo en 1956-57 e 1962-63, un total de seis ocasións, segundo na historia da NHL. Liderou a liga en goles catro veces. Foi clasificado entre os dez mellores da liga vinte e un anos consecutivos e estableceu un récord de puntos da NHL nunha temporada (95) en 1953, marca que foi superada seis anos despois. Gañou a Copa Stanley cos Red Wings catro veces e gañou seis trofeos Hart como xogador máis valioso da NHL. Tamén foi o líder da NHL en puntos nos playoff seis veces.
Howe retirouse por primeira vez en 1971 e foi incluído inmediatamente no Saskatchewan Sports Hall of Fame ese mesmo ano. O ano seguinte foi incorporado ao Hockey Hall of Fame, mais volveu dous anos despois para unirse aos seus fillos Mark e Marty cos Houston Aeros da WHA. Aínda que xa na metade da corentena, marcou máis de cen puntos dúas veces en seis anos, gañou dous trofeos Avco World consecutivos (1974 e 1975) foi nomeado o xogador máis valioso en 1974. Fixo un breve regreso á NHL en 1979-80, xogando unha temporada cos Hartford Whalers, retirándose aos 52 anos. O seu paso pola WHA foi crucial no breve éxito anterior á fusión coa NHL, forzando á NHL a recrutar xogadores europeos e expandirse a novos mercados.
Howe foi célebre pola súa habilidade marcando, a súa forza física e a lonxevidade da súa carreira, e redefiniu as calidades ideais dun dianteiro. É o único xogador que competiu na NHL en cinco décadas diferentes (dende a de 1940 á de 1980); tamén xogou un cambio nun partido de 1997 cos Detroit Vipers da IHL, xogando ao hóckey profesional unha sexta década. Deu nome ao "Gordie Howe hat trick": un gol, unha asistencia e unha liorta no mesmo partido, aínda que el só o rexistrou dúas veces na súa carreira. Foi o primeiro receptor do NHL Lifetime Achievement Award en 2008.