Gran viaxe da familia Mozart

Mapa que mostra a gran viaxe, de 1763 a 1766. A liña negra mostra a viaxe de ida cara a Londres, entre 1763 e 1764. A liña vermella mostra a viaxe de volta a Salzburgo, entre 1765 e 1766. A liña superposta mostra a viaxe en ambas direccións.

A gran viaxe da familia Mozart, foi realizada por Leopold Mozart, a súa muller Anna Maria e os seus fillos Maria Anna (Nannerl) e Wolfgang Amadeus entre 1763 e 1766, na que percorreron varias das capitais e principais cidades de Europa Occidental. Leopold era músico na corte do príncipe-arcebispo de Salzburgo e en 1763 accedeu ao cargo de segundo mestre de capela. Obtivo un permiso prolongado para ausentarse do seu posto grazas ao talento precoz dos seus fillos, de once e sete anos, para mostralo ao mundo e mellorar a súa educación musical.

As habilidades extraordinarias dos nenos xa foran reveladas durante as visitas a Múnic e Viena en 1762. En Viena actuaran ante a emperatriz María Tareixa e grazas a unha serie de actuacións públicas gañaron considerables sumas de diñeiro. As oportunidades sociais e económicas que poderían obter ao realizar unha viaxe prolongada, percorrendo as principais cortes europeas, complementaron o que Leopold entendeu que era o seu deber «como católico e alemán»[1] de mostrar o talento prodixioso dos seus fillos.

O grande itinerario da viaxe levou a familia dende Salzburgo a Bruxelas, vía Múnic e Frankfurt. Dende aló viaxaron a París e, logo dunha estadía de cinco meses na capital francesa, marcharon a Londres e permaneceron alí 15 meses, a que sería a súa estadía máis longa durante esta viaxe. En Londres, Wolfgang coñeceu a algúns dos músicos máis destacados da época, escoitou moita música e compuxo as súas primeiras sinfonías. A familia continuou a súa viaxe cara aos Países Baixos, onde o programa de actuacións foi interrompido polas enfermidades de ambos os nenos, mais Wolfgang seguiu compoñendo prolificamente. A viaxe de volta incorporou unha segunda parada en París e unha viaxe por Suíza, antes da volta da familia a Salzburgo en novembro de 1766.

En todos os lugares nos que actuaron, as interpretacións dos nenos inspiraron comentarios de admiración e asombro. Con todo, as recompensas económicas da viaxe, aínda que segundo se informa foron substanciais, non mudaron o xeito de vida da familia, e Leopold seguiu ao servizo do príncipe-arcebispo. A viaxe achegoulles aos nenos unha grande experiencia no mundo musical cosmopolita. Os Mozart recibiron unha educación musical excepcional que, no caso de Wolfgang, continuaría con máis viaxes durante os seis anos seguintes.

  1. Sadie 2006, p. 33.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne